![]() |
Ilustración de Sofía Zapata |
Este blogue non empeza a súa andaina (ou camiño
que se vai facendo ao andar) un día
calquera. Este blogue comeza a súa
andaina ou periplo ou viaxe aos infernos (quen sabe!) un 24 de outubro. E dáse a casualidade de que o 24 de outubro conmemórase
o Día da Biblioteca, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo,
incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns. Foron pasto das lapas máis de
dous millóns de volumes, incluídos
manuscritos e incunables de valor incalculable. Dita biblioteca non revestía interese estratéxico ou militar. Pero foi destruída porque era un símbolo da
cultura do pobo e unha vía para acceder ao coñecemento. Moitos cidadáns morreron intentando salvala.
Coa celebración deste
día pretendese concienciar da
importancia da lectura, especialmente entre a xente nova. As bibliotecas son
espazos públicos e gratuítos, espazos onde todos e todas son ben recibidos
porque os libros non entenden de prexuízos nin de barreiras. Amósannos o
coñecemento e o lecer, provócannos a risa, o medo, a inquedanza, o sosego, o
desexo de viaxar, de pensar, de mover o mundo. Ai, o libro! O libro racha as
cadeas do medo e da indiferenza, da covardía e do abatemento; fainos fortes e
independentes porque nos regala as verbas que removen as neuronas que fan
traballar ao pensamento, as verbas que
enchen de sentido a vida e a convivencia. Pode que moitos non teñan aínda atopado o
libro da súa vida, o roto para o descosido, pero ese libro, esa historia
especial, esas palabras que removen conciencias e corazón, ese libro, digo, agarda
agochado nalgún andel da biblioteca, da túa biblioteca, que é a de todos e
todas.
Para conmemorar o Día da Biblioteca diséñase un cartel que se difunde entre todas as bibliotecas do
Estado. Este ano a encargada de escribir o texto do cartel é Ledicia Costas,
gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2015 por Escarlatina, a cociñeira defunta e do Premio
Lazarillo 2015 por Jules Verne e a vida secreta das femmes plante e a ilustración é obra da ilustradora Elena Odriozola, galardoada co Premio Nacional de Ilustración
2015.
Pincha no cartel que tes arriba á dereita para ler o texto de Ledicia Costas.
Encantame o blogue e o texto, eu lembro a destrucción da biblioteca, tiña 31 anos cando pasou e añadeu horror a unha guerra terrible e coma todas evitable. Non as guerras!
ResponderEliminar